A PRIMEIRA FOTÓGRAFA GALEGA
Nada en Zaragora en 1845, María Cecilia Cardarelly Bousquet foi unha fotógrafa galega, unha das primeiras mulleres en contar con estudio propio en España e a primeira en Galicia. Coa súa familia, tintureiros franceses, chegou a Galicia sobre 1851.
Estableceronse definitivamente en Santiago, cando María contaba 9 anos. Tras un breve paso pola rúa Nova, fixaron a casa e o negocio na rúa do Hórreo.
Á mesma parroquia pertencía unha pequena burguesía coa que se relacionaba e máis tamén con certa parte dos intelectuais liberais da época, cos que compartían inquedanzas. Neste sentido isto explicaría a súa relación cos Murguía-De Castro e o fotógrafo Eliseo Segond.
Parece que se formou como retocadora e pintora de panos de fondo nalgún dos estudios locais, o que lle puido valer tamén para formarse en fotografía. Asemade estivo relacionada co fotógrafo noiés Eliseo Segond (fillo tamén de tintureiros), que é o autor da única fotografía súa coñecida.
Deberon asociarse durante un breve período de meses en Santiago, no estudio que finalmente estableceu María. Porque, sobre 1864, efectivamente, cando María contaba uns 19 anos, comezou a exercer como fotógrafa de estudio no domicilio familiar, na rúa do Hórreo compostelá, que era daquela parte dos arrabaldes da cidade.
Pero tivo que abandonar a súa actividade polo seu fracaso comercial, tendo en conta a situación do local, a súa xuventude e a súa condición feminina, en 1866, marchando da cidade.
Foi a primeira retratista coñecida de Rosalía de Castro.
Conservanse dúas fotos, unha no fondo de imaxes familiares, que Gala Martínez-Murguía de Castro doou á Real Academia Galega, e a outra foi un achado que fixo Anxo Angueira no 2013.
Ambas as dúas foron tomadas contra 1865 nunha mesma sesión fotográfica, e veñen asinadas co selo do seu estudio.
Así mesmo, no 2017, descubriuse que outra das fotografías doadas por Gala á RAG e asinada por María Cardarelly era, de feito, un retrato da primeira filla de Rosalía, Alejandra.
Andando o ano 1866, os Cardarelly abandonaron Santiago e estableceron a nova tinturaría na rúa María, en Ferrol.
Alí traballou na venda a comisión de pianos. Tamén ofreceu recitais de piano en diferentes actos sociais ferroláns, e deu durante moitos anos clases particulares deste instrumento a nenas da cidade.
Neste sentido, mantivo amizade coa notable pianista Eugenia Osterberger, coñecida como Madame Saunier.