BARRA DE MENÚ

Dolores VARELA

"FEMINISMO DE PROXIMIDADE"

É o título do primeiro libro en solitario da profesora e experta en coeducación Lola Varela que foi presentado coma un debate no que interviron a profesora de Ciencias dá Educación e do Deporte Azucena Arias Correa, o inspector de Educación José María Alén da Torre e a autora. Organizaron o encontro o Ateneo, Espazo Nemonon e Sacauntos Cooperativa Gráfica.

O relatorio que presentou o Ateneo de Pontevedra arredor do libro “Feminismo de proximidade”, de Lola Varela celebrouse o venres 13 de maio de 2022, ás 20 horas, no Espazo Nemonon e foi amenizado con música de saxo interpretada por Sarunas Pupelis.

A sinatura de libros por parte da autora estivo moi animada e ela estivo sempre sorrinte e moi atenta con todas as persoas que participaron ao acto e lembrando agarimosamente ás que non puideron asistir.

O artigo da xornalista Rocio García (La Voz de Galicia) que se publicou o 11 de maio na edición do Deza deste xornal, sobre o libro "Feminismo de proximidade", de Lola Varela, pódese ler esta ligazón.

Este libro é unha recompilación, unha selección de artigos, relatorios, investigacións e proxectos publicados en diversos medios, cun claro fío condutor: a muller e a súa condición. A proposta recolle feitos actuais, repasa aspectos históricos, reivindica accións positivas, fai visibles situacións. Máis que receitas para solucionar problemas, son reflexións profundas escritas con prosa fluída e apracíbel.

Ler este libro é unha viaxe por Pontevedra, Compostela, Madrid, Alacant, Cerdedo ou Alhucemas (Marrocos). Así, en As cidades e o xénero descúbrenos o androcentrismo arquitectónico que leva a deseñar as cidades en función do estereotipo masculino. En Mulleres e represión na Terra de Montes, fai visible os trazos de xénero da represión franquista sobre as mulleres desa bisbarra. En Mulleres no rural ou en As montañas do Rif en feminino trasládanos a vida das mulleres que, malia vivir a miles de quilómetros, teñen eivas similares...

Estas páxinas tamén amosan a faceta docente de Lola: dunha banda, como profesora de literatura, achéganos en Unha muller do seu tempo a ideoloxía social progresista e reivindicativa de Rosalía de Castro a prol dos dereitos das mulleres; doutra, como docente e feminista, fálanos da necesidade de mudar as formas de relación de dominio patriarcal que non contribúen ao benestar das mulleres e dos homes, da percepción que ten a mocidade sobre a igualdade, a prostitución, a valoración do corpo feminino ou a diversidade sexual e de xénero nas nosas aulas.

Lola Varela entre Azucena Arias e José Mª Alén


O libro pódese mercar en librarías de Compostela como Couceiro, Lila de Lilith e Pedreira.

E nas librarías Paz, El pueblo e Escolma, de Pontevedra.

Ou nas páxinas web de Companha Editorial ou Libraria Abrente.


Asinando o libro ao son do saxo de Sarunas Pupelis



Máis información en:

Maria Theresia Von PARADIS

Música na escuridade

Maria Theresia von Paradis, (1759-1824) foi unha música, cantante, pianista e compositora austríaca que perdeu a vista desde moi cedo, e para quen Mozart escribiu o seu Concerto para piano nº 18 en B-flat major. Estudou composición con Salieri e Haydn tamén lle dedicou un concerto de piano.

Naceu o 15 de maio na cidade de Viena. A pesar da súa diversidade, amosou dende ben pequena un gran talento para a música. Como non podía ler, memorizaba as notas  para podelas tocar logo no piano. 

Con tan só once anos deu o seu primeiro concerto tocando o órgano e cantando, aos dezaseis xa era recoñecida polos círculos artísticos de Viena como unha cantante e intérprete virtuosa. En 1783 realizou unha longa xira de tres anos por Europa. En París coñeceu a Valentin Haüy, un dos pioneiros na integración das persoas invidentes na sociedade. Entón, ademáis de triunfar cos seus concertos colaborou con Haüy, (apóstolo dos invidentes e maestro de Louis Braille) na creación dunha escola para persoas cegas.

Podía compoñer as súas obras grazas a un tableiro inventado polo seu compañeiro Johann Riedinger, compositor e libretista, e a unha máquina de escribir para persoas invidentes ideada por Wolfgang von Kempelen.

En 1808 fundou a súa propia escola de música en Viena, onde ensinou canto, piano e teoría musical a nenas, especializándose en peroas con problemas de visión. Continuou ensinando ata a súa morte o 1 de febreiro de 1824.

Máis información en Mujeres HªWomen Legacy, Wikipedia, Kriptik, Cores música