BARRA DE MENÚ

Luisa CARNÉS

Periodista e escritora da xeración do 27

"Sombreireira sen sombreiro"

Luisa Genoveva Carnés Caballero, tamén coñecida polos pseudónimos de Clarita Montes ou Natalia Valle, naceu en Madrid o 3 de Xaneiro de 1905 e faleceu o 12 de marzo de 1964 en Cidade de México. 

De familia humilde e numerosa de clase obreira, ao ser a filla maior, só puido asistir á escola ata os 11 anos, polo que a súa formación foi autodidáctica e permanente, lendo a prensa e libros prestados.

Traballou como sombreireira, nun taller textil, como taquimecanógrafa na editorial CIAP (Compañía Iberoamericana de Publicacións), pero sempre aproveitaba os momentos libres para escribir.

Militante do partido comunista, apoiou a Clara Campoamor na defensa do sufraxio feminino, polo que tivo que exiliarse primeiro a Francia e logo a México, ao rematar a Guerra Civil Española. Pertencía á xeración do 27, ás "Sen sombreiro", pero foi triplemente esquecida, por comunista, por exiliada e por muller.

Escritora e periodista, sobre todo en México, a súa obra literaria consta dunha decena de novelas, unha sesentena de contos, trescentas pezas de teatro e centenares de crónicas. 

O seu primeiro conto Mar adentro foi publicado en La Voz (Madrid), o 22 de outubro de 1926 (páx. 7). Entre esta data e a primavera de 1929 publicou catro contos na prensa, un feito pouco común en persoas principiantes no mundo da cultura.

A súa primeira obra impresa, Peregrinos del calvario (1928), reúne unha serie de novelas breves con influencias de Tolstoi, Dostoyevski, o folletín e a novela popular, nun tono relixioso común aos seus primeiros textos. Aquí denuncia por primeira vez a explotación da muller.


Despois, en 1930, apareceu a súa segunda publicación narrativa Natacha, ambientada en Madrid onde a protagonista traballaba nun taller textil.

En 1934 escribe "Tea Rooms, mujeres obreras"inspirada na súa experiencia como traballadora no obrador dunha pastalería, que é considerada a súa mellor obra. En abril de 2023, Televisión Española decide grabar una serie baseada nesta obra súa, La moderna

A historia da súa fuxida a Francia, está recollida no seu libro De Barcelona á Bretaña francesa. 

Xa en México escribiu a biografía de Rosalía de Castro para homenaxeala, en Rosalía. Raíz apasionada de Galicia.

Entre as súas obras dramáticas están Así empezó..., estreada o 22 de outubro de 1936 no Teatro Lara de Madrid e outras dous publicadas en México, aínda que non hai constancia do seu estreno, Cumpleaños (1966) e Los vendedores de miedo (1966).

De catro bloques temáticos, os relatos da República, os da guerra civil e a posguerra, os de temática mexicana e os da actualidade internacional da época consta o libro 13 Cuentos (1931-1963).

O 7 de marzo de 2019 inaugurouse na Cidade dos Poetas, distrito Moncloa-Aravaca de Madrid, un parque dedicado a Luisa Carnés e en maio de 2023 representouse a súa obra no Teatro Lope de Vega de Sevilla.

Na edición de Hoja de Plata de 2016 de Tea Rooms Antonio Plaza no seu epílogo fai unha revisión desta escritora postergada.

Nesta obra Luisa Carnés escribe: "A muller nova, 'sen tipo', falou... Cando será oída a súa voz?".

Máis información en BNEWikipedia, Hoja de lata, SombrereiraLeer, Diario.es, RAH, Libreando, Carnés, rtve