BARRA DE MENÚ

Lola VARELA SALGADO

A "NAI ESPIRITUAL" DESTE BLOGUE

"Mulleres na Historia e Historias de Mulleres" xurdiu do tempo libre da xubilación e froito da recompilación durante varios anos de historias de mulleres esquecidas ou aínda peor, borradas da Historia.

Pero este blogue non vería a luz, non sería público, sen o pulo e complicidade de Lola Varela Salgado. Por iso a recoñezo como a "nai espiritual" deste blogue. Graciñas, Lola!

Lola decidiu non ter fillas nin fillos, pero non fai falta ser nai biolóxica para ser nai. Lola é a nai verdadeira de moita xuventude, case que toda, que pasou polas súas aulas ou tivo contacto con ela. Imposible físicamente ter parido tanta descendencia!

Lola naceu un 18 de decembro de fai 67 anos, en Pontevedra, onde pasou os seus primeiros anos; logo estudou en Santiago e ben cedo marchou a Alicante como profesora de Literatura Española no instituto do seu admirado "Miguel Hernández". 

Tras varios anos en Madrid voltou a Galicia, primeiro á costa onde estivo exercendo como profe pero tamén en cargos de responsabilidade (Secretaria e Directora en varios centros educativos) e logo mudou o mar polo campo e trasladouse ao interior, a Vilar, no concello de Cerdedo.

Agora, despois dos seus últimos 6 anos de profesora e Directora do Colexio Español Melchor de Jovellanos en Alhucemas, desfruta da súa xubilación, media vida alí e a outra eiquí.

O labor de Lola é imparable. Periodicamente publica un artigo en NÓS Diario, tamén no blogue "educandoenigualdade" e cada día nos grupos de wasap e en facebook mantennos ao día nos temas de igualdade.

Porque si, Lola é experta en Coeducación e vive plenamente e incansablemente, o seu compromiso coa igualdade entre homes e mulleres e a loita contra a violencia de xénero.

Aínda que xa pertence ao "gremio" da xubilación, non deixa de formarse e participar en todos os eventos posibles.

De eiquí á Wikipedia!

Máis información en:

NósDiario, educandoenigualdade, facebook