BARRA DE MENÚ

MULLERES DE PONTEVEDRA

A MEMORIA DAS MULLERES

O Concello de Pontevedra inicia en decembro de 2013 o proxecto A memoria das mulleres, coa finalidade de construír, de modo colectivo e cooperativo, un fondo documental, gráfico e audiovisual da historia das mulleres en Pontevedra.

Tamén ten como obxectivo promover a participación dos centros educativos no estudo e divulgación sobre as mulleres na historia de Pontevedra.

Tendo en conta a exclusión das mulleres do relato histórico e da memoria oficial, xorde a necesidade de corrixir esta discriminación mediante o estudo das fontes orais e escritas, así como mediante a construción dun novo relato que lle dese protagonismo e visibilidade ao papel das mulleres na historia do concello e de Galiza. 

Nace así "Do gris ao violeta", o libro e a web sobre este proxecto.

Céntrase en tres temas:

  • Mulleres traballadoras: Espazo dedicado ás traballadoras, aos oficios e saberes, á vitalidade e aos esforzos, ás loitas por defenderen o seu.
  • Creadoras e pioneiras: Mulleres que destacaron na música, na declamación, na literatura e nas artes plásticas.
  • Represaliadas e resistentes: Biografías de pontevedresas que viron as súas vidas truncadas polo fascismo e, a pesar do terror imposto, foron solidarias e mantiveron o legado da memoria.
Salientar dentro das súas actividades os distintos roteiros urbanos centrados na historia e na memoria das mulleres. Até o momento creáronse:

- Roteiro sobre as mulleres represaliadas de Pontevedra.

- Roteiro Mulleres en San Amaro. Percorrido feminino polo cemiterio municipal.

- Roteiro Pontevedra en feminino.

- Roteiro da Moureira. O río, o mar e as mulleres.

Como novidade e coa teima de chegar á mocidade, tres coñecidas tiktokers galegas, Laura Franco, Leti da Taberna e María Rúa, publicarán un total de 8 vídeos ata final do ano 2021, ofrecendo a súa particular visión sobre a loita antifascista de diversas mulleres pontevedresas