A PRIMEIRA ILUMINADORA ESPAÑOLA
Ende (o En) foi unha iluminadora de manuscritos no Reino de León, activa a finais do século X.
É a primeira artista na península ibérica e unha das primeiras en Europa da que se ten rexistro. Podería dicirse que Ende foi a primeira pintora da historia de España.
Parece ser que era oriunda de León ou dos arredores, como proban as referencias á arte mozárabe e mesmo islámico de moitas das súas miniaturas, anticipándose ao románico.
Posiblemente fora monxa, quizais no monasterio de San Salvador de Tábara, en Zamora, onde traballaría no Scriptorium, ou ben sería unha muller da nobreza que vivira no convento sen profesar.
No monasterio de Tábara as súas tarefas principais serían as de preservar a cultura, copiando, traducindo, estudando grego, latín, composición musical ou creando maravillosos códices ilustrados e copias de beatos, como o de Xirona, no que se atopan algunhas das súas ilustracións.
A cada un dos distintos códices manuscritos que copian o Comentario ao Apocalipsis de San Xoan realizado polo Beato de Liébana, abade do monasterio de Santo Toribio, no val de Liébana en Cantabria, no ano 776, denomínase Beato.
A obra cumbre de Ende foi a ilustración do manuscrito do Beato de Xirona chamado así porque se conserva na Catedral de Santa María de Xirona, onde foi doado no ano 1078.
O nome de Ende, xunto co de outro iluminador, figura no colofón deste manuscrito, en latín: ende pintrix et d(e)i aiutrix fr(a)ter emeterius et pr(e)s(bite)r (Ende, pintora e axudante de Deus; Emeterio, irmán e sacerdote).
Este Beato é único pola enorme cantidade de material ilustrativo que se lle engade respecto a outros Beatos anteriores.
Consta de 284 folios e de 586 páxinas escritas en letra visigótica.
Ten tamén 114 ilustracións, cando a media de ilustracións do resto dos beatos está entre 80 e 90. As imaxes son moi ricas en policromía e abundan o ouro e a prata.
Polo seu colofón sábese que completouse o 6 de xullo de 975.
Ende tamén é coñecida como cartógrafa; os seus mapas representan os espazos dunha forma gráfica, así o Mapamundi que aparece no devandito Beato de Xirona.