BARRA DE MENÚ

Mª Antonia ROSALES SANTIAGO

UNHA MULLER EXCEPCIONAL

Neste 8 de marzo de 2024, día Internacional da Muller, antes día da Muller Traballadora, quero lembrar unha muller, traballadora incansable e moi especial, Toñi, que ven de deixarnos, como non podía ser doutra maneira polo moito amor que nos deixou, o derradeiro 14 de febreiro, o día das e dos Namorados.

Non se trata dunha persoa famosa, ilustrada, que fixera algo grande e con moita sona, senón que ela facía as cousas básicas da vida cunha intelixencia innata que se traslucía polo súa grande capacidade de adaptación aos avatares da vida.

O 26 de xaneiro de 1953 nacían nunha aldea de Marín, na provincia de Pontevedra, dúas irmás xemelgas, Carmen e Mª Antonia. Carmen deixou soa a Toñi ao cabo dun ano por mor dunha meninxite. Toñi a partir de entón sempre sentiu que lle faltaba a súa outra metade.

Despois viñeron moitos máis fillos e fillas e Toñi, como irmá maior, sendo o pai pescador e estando todo o día no mar, e a súa nai vendendo o peixe polas aldeas e secando cazapas, tivo que deixar ben cedo a escola, que tanto lle gustaba, e coidar da casa e sobre todo do seu irmán e da súa irmá pequenos.

Máis tarde traballou en moitos oficios, xa de pequena nunha conserveira, e despois converteuse nuha profesional da limpeza e dos coidados; tanto cosía un botón, regaba as plantas ou facía a comida como axudaba facendo máis doados os últimos tempos das persoas dependentes das que coidaba, que foron moitas. Tamén sabía de cans, tivera dous pastores!

Casou e tivo unha filla e un fillo, os seus dous grandes amores, da e do que se sentía moi orgullosa e feliz. 

Toñi era unha muller guapa por fora, aínda que nunca utilizou a súa beleza para ningún fin, pero sobre todo a súa beleza estaba no seu interior. Era alegre, a pesar dos malos tragos da vida, sempre estaba de bo humor e presta a soltar unha gargallada. 

Valente, moderna, actual, ao día do que pasaba no mundo e no seu entorno, aceptaba as cousas tal como viñan, sen dobreces, sempre desposta a solucionar todos os problemas, sen pensar nela; primeiro estaban as outras persoas. Pero por iso non deixou de desfrutar da súa vida.

Coñecímonos hai máis de 18 anos cando eu necesitaba de alguén para compaxinar as tarefas domésticas e o meu traballo, e ela quería manterse por ela mesma sen depender de ninguén. Ao longo de todo este tempo, mesmo despois de estar ambas as dúas xubiladas, falabamos case todos os días. Comentabamos as novas que xurdían sen deixar de lado as nosas propias inquedanzas. E pouco a pouco fixémonos amigas.

Que sería da nosa vida sen Toñi ou outras persoas coma Toñi que se ocupan das cousas aparentemente simples, pero as máis trascendentais da vida, cociñar, limpar, lavar,... e fundamentalmente coidar, escoitar e dar cariño!?. 

Reivindicar de paso neste día a importancia dos coidados, tradicionalmente levados a cabo por mulleres, moi pouco e moi mal pagados e moito menos recoñecidos, e avogar pola corresponsabilidade entre homes e mulleres.

Para máis información pódese preguntar á súa familia, ás súas amizades e a calquera das moitas persoas que a coñecimos e que gardamos dela a imaxe dunha muller excepcional. Un exemplo a seguir!