A "PASIONARIA" GALEGA
Anuncia foi a responsable do Partido Comunista de España na comarca de Viana. Na Segunda República fixo propaganda entre os traballadores do ferrocarril da liña A Gudiña e Vilar de Barrio.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi obxecto dunha constante persecución. Detida polos falanxistas de Verín, foi ultraxada, rapada e asasinada no lugar das Revendeitas, no camiño da Gudiña a Viana o 21 de agosto de 1936. A causa da morte foi "fractura e destrucción da masa cerebral". Fóronlle incautados os seus bens.
A primeira persoa en citar a Anuncia Casado, despois de Celia Domínguez na revista "A nosa bisbarra", na década dos 90, é Dionisio Pereira no limiar do libro "A guerrilla antifranquista de Mario de Langullo, o Pinche", en 2000, quen realizou así mesmo a súa entrada na Enciclopedia Galega que editou Ir indo, a partir do ano 2000.
O crime cometido contra Anuncia Casado respondeu a todas as características da represión sexuada. O profesor da Universidade de Vigo, Xulio Prada, considera que a “represión sexuada sería o exercicio dunha violencia sobre as mulleres polo mero feito de selo”. Tamén fala de Anuncia no libro "Ourense 1936-39. Alzamento, guerra e represión", en 2004. E volve a citala no traballo "Unha a unha, 71 mulleres vítimas da represión en Galicia", en 2012.No proxecto interunivesritario "Nomes e voces" aparece recollida a súa historia na base de datos de vítimas da represión franquista en Galiza.
Recentemente, en "NósDiario", escribe Lola Varela "Anuncia foi unha desas mulleres fortes e destemidas que sufriron dobre represión, por ser antifascistas e por ser mulleres", onde tamén lembra a outras mulleres que tiveron que soportar padecementos terribles.
Juana Capdevielle: bibliotecaria e muller do gobernador civil de A Coruña
María Vázquez: de Miño, mestra defensora da renovación pedagóxica e feminista
Carmen Pesqueira: 'A Capirota', de Marín; costureira e lavandeira
Rosario Hernández: 'A Calesa', de Vigo; vendedora de xornais
Carmen Jérez: 'A Galega', compañeira do guerrilleiro berciano Abelardo Macías 'O Lebre'
Pilar Suárez: de Florderrei (Vilardevós), cuxa vivenda foi rodeada pola Garda Civil en outubro de 1947 por dar acubillo a guerrilleiros.
Outras mulleres con destacada participación política e sindical durante a Segunda República en Galiza son:
Concepción Alfaya López e Amanda Rodríguez Guerra: candidatas nas eleccións de 1931 (mesmo sen poder votar aínda)
O 21 de agosto do 2022 a agrupación "Os Torgueiros" organizou unha homenaxe, na Gudiña, onde os historiadores e investigadores Dionísio Pereira, David Simón e Lola Varela, presentados polo recoñecido etnógrafo gudiñés José Rodríguez Cruz, participaron nunha palestra para lembrar a Anuncia Casado aos 86 anos de ser asasinada.
Máis información en: Lola Varela, Homenaxe, NósDiario, GlWikipedia, Pasionaria, Nomes e voces, Igualdade.