BARRA DE MENÚ

Celia BRAÑAS FERNÁNDEZ

PIONEIRA DA DIVULGACIÓN CIENTÍFICA FEMININA EN GALIZA

Celia Clara Daniela Bernardina Brañas Fernández (A Coruña, 20/05/1880-12/06/1948), sobriña de Alfredo Brañas, foi unha científica galega pioneira na incorporación da muller á culturacientífica. 

Estudou na Escuela Normal de A Coruña, onde obtivo o título de mestra elemental e superior e, despois, cursou o Bacharelato no Instituto local.

En 1908 iniciou o seu labor docente na Escola Normal coruñesa e en 1911 aprobou a oposición de profesora numeraria de Ciencias e encargouse da docencia de Física, Química e Historia Natural. Ocupou a dirección da Normal en diversas etapas e xubilouse en 1946.

Celia Brañas simbolizou o esforzo das mulleres da súa xeración por ter un papel protagonista na sociedade, e, de forma singular nun terreo no que historicamente a súa presenza fora máis escasa, a cultura científica. 

Até 1910 a entrada da muller na Universidade precisaba de permisos especiais. Unha Real Orde do Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes do 8 de marzo de 1910 eliminou esa norma que obrigaba ás mulleres a pedir permiso á Dirección General de Instrucción Pública para optar á matrícula oficial, orde que se viu complementada con outra do mes de setembro permitindo ás mulleres o exercicio da profesión derivada dos estudos efectuados. Por iso non nos pode sorprender que ata 1913 non houbese mulleres na Facultade de Medicina de Santiago.

A súa visión da ensinanza das Ciencias estivo en consonancia coa proposta educativa dos movementos de renovación pedagóxica da época, a “ensinanza activa”. Celia entendeu que a súa responsabilidade de educadora non se debía restrinxir ao espazo das aulas e desenvolveu un notable labor divulgativo.

En 1919 participou como poñente no primero congreso de Estudos Galegos no que defendeu o tema da importancia que para a rexión galega tería a creación dunha estación de bioloxía mariña na Coruña.  No ano seguinte, 1920, ela mesma solicitou ao Museo Nacional de Ciencias Naturales de Madrid a organización dun curso de Bioloxía Mariña, no que participou, este evento estivo relacionado coa posterior creación da Estación de esa especialidade en Marín (1932).

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia, convoca o premio de Xornalismo Científico, que dende a sexta edición de 2021 leva o nome de Celia Brañas. 
O Premio de Xornalismo Científico “Celia Brañas” trata de estimular e recoñecer as actividades de comunicación da ciencia e da tecnoloxía entre as/os profesionais do xornalismo dos medios de comunicación galegos.